| O mal funcionamento das depuradoras e o tratamento deficiente do lixo industrial comprometen o futuro da Ría de Vigo. |
|
A contaminación e degradación das augas e a biodiversidade da Ría de Vigo están relacionadas cun tratamento deficiente das augas residuais urbanas, así como pola existencia de diversas instalacións industriais asentadas na zona, afirmaron os membros da Plataforma pola defensa da Ría de Vigo durante a presentación dun informe de situación no Instituto de Estudos Miñoranos. A denuncia xa está presentada ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo que a finais de xuño presentará un informe con recomendacións que seguramente "rematará nun bo tirón de orellas" ás autoridades opinou o presidente do colectivo, Serxio Regueira.
|
| Texto de Paz Raña lido por Begoña Outeiro na presentación da novela Dark Butterfly, de Rexina Vega. |
|
|
|
| Filoloxía e literatura - Artigos | |||
| Escrito por IEM | |||
| Venres, 08 Xuño 2012 19:44 | |||
|
Algunhas palabras teñen tal avidez de osíxeno que, ao mesturarse con el, acaban imprimindo unha manchea de desexos de interpretar o que esconden os nosos adentros. Quizá sexa unha das poucas formas de vencer o pudor instintivo que define esta fusión, e, unha vez dominado, xorde o nervio que camiña en sentido inverso á farmacia. Deste modo, nacen pensamentos e sentimentos que, con vehemencia, escreben un Si, poucas veces, e berran un NON, moitas, co atractivo que dá o medo, simplemente. O resultado ten un aquel de táboa periódica, ambivalencias que proxectan o desgarro no espello, rebrandecen os metais máis duros e, por fin, conseguen que a auga estoupe en forma de vapor. Que sorte! O rumor das conversas deixa de resoar no cerebro como dinamita. E aí está, bolboreta, a unha distancia ocular de escasos centímetros. Ela, intentando calzar os zapatos dos outros, gobernar no país onde a enerxía viaxa en todas direccións, malia que, sen remedio, se precipita a unha soa parada: o pavor reverencial perante a vida. Pero, estamos a falar de bolboretas, de bolboretas negras, as que prefiren a nocturnidade, que proceden da intimidación da metamorfose, nun cambio doloroso en previsión dunha vida adulta breve, un insecto que algún sabio bautizou co nome de Ascalapha odorata (ou sexa, relacionada co demo e con Hades, o rei do inframundo), bolboreta. E o curioso é que tamén podemos falar do efecto mariposa e facer un exercicio de ousadía, predicindo un soño doce, nada violento, nada cassándrico... que o aletexo da nosa bolboreta en Vigo desate tormentas en Nova York. Un xogo finito, en fin!, un papillon noir, unha farfalla nera, ou papallona, ou tximeleta, ou, por que non?, unha Mademoiselle Butterfly. Un libro que me axuda a liberar un pensamento: os recordos bonitos son os máis difíciles de superar. Unha autora fermosa, multiplicada, que invoca ao sol, e ao seu brillo. Unha muller que se apropia de min, que me agasalla coa sustancia da linguaxe, e me ofrece signos para viaxar ao fondo da intimidade, cara ese diálogo interior inevitable...esencial...soidade...bolboreta...
|