Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size default color brown color green color red color blue color

Destacados

Acto homenaxe no Val Miñor a Valentín Paz Andrade no Día das Letras Galegas.


- O acto terá lugar o vindeiro xoves 17 de maio ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío.
-Na actividade os empresarios do Val Miñor lerán poemas do homenaxeado e contarase coa participación do Coro Tradicional Cantares do Brión.

Está en:  Inicio O IEM Estatutos
Skip to content
Estatutos do IEM PDF Imprimir Correo-e

Contidos - Fundación
Escrito por IEM   

Indice de capítulos

  1. CONSTITUCIÓN E FINS
  2. DA XUNTA DE GOBERNO
  3. DA XUNTA XERAL
  4. DOS MEMBROS DO INSTITUTO
  5. DOS DEREITOS E DEBERES DOS SOCIOS
  6. DA VIDA ECONÓMICA DO INSTITUTO

Capítulo I. CONSTITUCIÓN E FINS

ARTIGO 1º

O INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS, en adiante o IEM, terá como ámbito territorial de actuación a comarca natural do Val Miñor, isto é, os Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán.


ARTIGO 2º

  • Os fins do IEM, dentro dos principios democráticos e a Constitución, serán:
    Fomentar, orientar e coordinar o labor investigador nas diferentes ramas das ciencias, as técnicas, as artes, etc., e en todas as súas manifestacións que se refiran ao Val Miñor. Promover a realización de estudos do todo tipo sobre os ámbitos sinalados.
  • Divulgar a cultura e en xeral todo o referente ao patrimonio natural, histórico, artístico, arquitectónico, etnográfico, lingüístico, etc. dos tres concellos do Val Miñor. Impulsar calquera actividade encamiñada á divulgación destes aspectos. Desenvolver calquera iniciativa de animación cultural nos ámbitos que lle son propios.
  • Fomentar a conservación e respecto polo patrimonio miñorano como un ben económico e cultural actual.
  • Informar, a petición dos organismos e entidades culturais, cuxos fins sexan compatibles cos propios.
ARTIGO 3º

A sede queda establecida no Colexio Público de Mallón, A Ramallosa, Nigrán.



Capítulo II. DA XUNTA DE GOBERNO

ARTIGO 4º

O IEM estará rexido por unha Xunta de Goberno, composta por un Director/a, un Vicedirector/a, doce vocais, un Secretario/a e un Administrador/a.
Todos estes cargos serán desempeñados por membros numerarios do IEM, elixidos pola Xunta Xeral do mesmo. A elección será por catro anos, renovable por un segundo período, podendo, ao transcorrer este, ser elixido para outro cargo. Así mesmo, formarán parte da Xunta de Goberno os titulares das alcaldías dos tres concellos miñoranos ou persoas nas que deleguen.


ARTIGO 5º

A Xunta de Goberno manterá en cada trimestre natural unha sesión ordinaria, que será convocada polo Secretario/a por orde do Director/a, cun mínimo de sete días de antelación á data da súa realización.


ARTIGO 6º

A Xunta de Goberno poderá manter sesións extraordinarias por iniciativa do Director/a ou pola solicitude da maioría dos seus compoñentes. Neste caso, a reunión terá lugar, como máximo, dentro dos vinte días seguintes á súa petición.


ARTIGO 7º

As atribucións da Xunta de Goberno, amais doutras que aparezan neste regulamento, son: Propoñer á Xunta Xeral os planos anuais de traballo, os orzamentos tamén anuais e os extraordinarios que puidesen ser necesarios, as memorias anuais e a liquidación de presupostos, tanto ordinarios como extraordinarios. A proposta de novos membros. Propoñer á Xunta Xeral a creación e modificación de seccións, a súa organización e regulamento, ou a supresión das mesmas. Administrar os bens e rendas do IEM. Interpretar o regulamento e demais normativas que poida ter o IEM. Coñecer previamente as obras ou traballos que publique o IEM, conforme á súa planificación anual, co informe previo da Comisión de Publicacións. A Xunta Xeral, a proposta da Xunta de Goberno, poderá, no seu día, crear as comisións que considere axeitadas. Seleccionar o persoal necesario, bolseiros, etc. que ha contratar o IEM Aprobar os convenios de colaboración a que se chegue con outras institucións.ARTIGO 8º

O Director/a do IEM presidirá a Xunta de Goberno e a Xunta Xeral canalizará as discusións e gozará de voto de calidade. Ha sinalar as datas de xuntas ordinarias e extraordinarias. Coñecerá a correspondencia que se reciba no IEM, asinará e expedirá a que non sexa de simple trámite e fará cumprir os estatutos e demais normativa e os acordos lexitimamente adoptados. Nos casos de urxencia, poderá adoptar as resolucións das que dará conta na seguinte Xunta de Goberno.


ARTIGO 9º

No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, será substituído polo Vicedirector/a, en quen poderá delegar o Director/a temporalmente, na forma que estime oportuno, algunha ou algunhas das súas atribucións.


ARTIGO 10º

O IEM estructurarase en seccións, que han comprender os diferentes temas que poidan ser obxecto de estudio. O seu número e as actividades que cada unha delas vaia desenvolver, constituíndo planos de traballo, serán acordadas pola Xunta Xeral. Inicialmente, as seccións han ser as seguintes:

  • Xeografía e Historia, Arqueoloxía e Etnografía
  • Toponimia, Filoloxía e Literatura
  • Arte, Arquitectura e Urbanismo
  • Economía
  • Ciencias Físico - Naturais e Estudio do Medio
  • Arquivo fotográfico e fonográfico
  • Arquivo de documentación
  • Biblioteca
Tamén se poderán crear aquelas seccións que aprobe a Xunta de Goberno, que deberán ser ratificadas pola seguinte Xunta Xeral.


ARTIGO 11º

Cada sección ha elixir ao seu Director/a, que será directamente responsable do bo funcionamento da mesma, e estará en contacto permanente co Director/a do IEM para a mellor marcha dos asuntos.


ARTIGO 12º

Todos os membros teñen o dereito a estar adscritos, como mínimo, a sección máis acorde cos seus coñecementos específicos.


ARTIGO 13º

Corresponde ao Secretario/a:
a.- A redacción dos proxectos de planos de traballos e de memorias anuais que detalle o labor das seccións.
b.- O trámite dos asuntos antes e despois das sesións da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral. c.- Levantar as actas das mesmas co visto e prace do Director/a.
d.- Expedir certificacións co visto e prace do Director/a.
e.- Ter baixo custodia os documentos, libros, obxectos artísticos ou históricos, etc. do IEM, ou en depósito, debidamente catalogados.
h.- Terá ao seu cargo a Xefatura directa do persoal do Instituto e, en xeral, colaborará estreitamente co Director/a para a mellor marcha do IEM.


ARTIGO 14º

No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, o Secretario/a será substituído interinamente polo Vocal máis novo.


ARTIGO 15º

Corresponde ao Administrador/a:
a.- A redacción dos proxectos de presupostos e das súas liquidacións.
b.- A elaboración do estado de contas anuais a presentar ante a Xunta Xeral.
c.- O control de ingresos e gastos, así como dirixir as xestións necesarias para sufragar as actividades realizadas polo IEM.


ARTIGO 16º

No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, o Administrador/a será substituído interinamente polo Vocal máis novo.





Capítulo III. DA XUNTA XERAL

ARTIGO 17º

A Xunta Xeral do IEM estará composta por todos os membros que asistan á convocatoria.

ARTIGO 18º

As reunións poderán ser ordinarias e extraordinarias e serán convocadas polo Secretario por orde do Director/a, con sete días de antelación como mínimo á súa data de realización. Necesítase a asistencia da maioría dos membros para que se faga efectiva en primeira convocatoria, e calquera número de asistentes en segunda, que ha facerse media hora máis tarde cá sinalada para a primeira. Cando se trate da Xunta Xeral para a renovación de cargos directivos, será extraordinaria e terá lugar no mes de outubro.

ARTIGO 19º

As sesións ordinarias serán dúas ao ano e levaranse a cabo nos meses de outubro e febreiro. As extraordinarias, cando o decida a Xunta de Goberno ou as solicite a metade, cando menos, dos membros numerarios, e deberán neste caso facerse como máximo nos vinte días seguintes á súa petición.

ARTIGO 20º

Serán facultades da Xunta Xeral, amais doutras que aparezan neste regulamento:
a.- Aprobar, para a súa elevación á Xunta de Goberno, os planos anuais de traballo, os presupostos tamén anuais e os extraordinarios que fosen necesarios; as memorias anuais e a liquidación dos presupostos, tanto ordinarios como extraordinarios.
b.-Ratificar por maioría absoluta aos novos membros. Así como decidir sobre a perda da calidade de socios daqueles membros que incumpran os estatutos.
c.- A creación e modificación de seccións, a súa organización e regulamento e a supresión das mesmas, a proposta da Xunta de Goberno, ou da cuarta parte cando menos, dos membros numerarios. d.- A elección de todos os membros da Xunta de Goberno será por sistema proporcional sobre candidaturas pechadas, que se presentarán asinadas por sete membros numerarios constando nelas a conformidade dos presentados. Tales candidaturas obrarán na Secretaría do IEM cunha antelación mínima de trinta días naturais anteriores á data das eleccións. A distribución de cargos é competencia da Xunta de Goberno elixida.


Capítulo IV. DOS MEMBROS DO INSTITUTO


ARTIGO 21º

Os integrantes do Instituto serán de tres clases:

Membros honorarios

Membros numerarios

Membros colaboradores


ARTIGO 22º

Os membros honorarios, que poderán ser individuais ou colectivos, serán nomeados pola Xunta Xeral a proposta da Xunta de Goberno, entre persoas ou institucións públicas ou privadas de notable relevo e con obra escrita ou activa nas materias tratadas polo IEM, ou que afecte á vida do mesmo. O seu nomeamento precisará da maioría absoluta dos membros numerarios do IEM. Para o seu cese seguirase o mesmo procedemento.

ARTIGO 23º

Os membros numerarios serán aqueles que aporten o seu traballo e dedicación científica, literaria, técnica, etc. ao IEM. Os membros numerarios serán admitidos pola Xunta de Goberno e ratificados pola Xunta Xeral, coa maioría absoluta dos membros numerarios asistentes. Para o seu cese seguirase o mesmo procedemento.

ARTIGO 24º

Serán membros colaboradores aquelas persoas que seleccionadas pola súa valía en calquera campo da cultura aporten un traballo puntual e concreto ao IEM. Serán admitidos pola Xunta de Goberno a proposta dos presidentes de sección. Para o seu cese seguirase o mesmo procedemento.





Capítulo V. DOS DEREITOS E DEBERES DOS SOCIOS

ARTIGO 25º

Os/as membros terán os seguintes dereitos:
a) Todos os membros numerarios teñen dereito a asistir á Xunta Xeral con voz e voto.
b) Os membros numerarios poderán presentarse en candidatura aberta aos cargos da Xunta de Goberno.
c) Todos os membros terán dereito de acceso e uso dos fondos e documentación do IEM.
d) Os membros numerarios poderán solicitar a convocatoria dunha Xunta Xeral Extraordinaria, segundo o procedemento establecido no artigo 19.
e) Os membros numerarios poden propoñer á Xunta Xeral todas aquelas iniciativas que consideren oportunas, notificándoas á Xunta de Goberno cunha antelación de 30 días.
E terán os seguintes deberes:
a) Os membros numerarios deben estar adscritos a unha das seccións do IEM segundo se establece no artigo 12.
b) Colaborar nas actividades que desenvolver o IEM. c) Todos os membros deberán cumprir os presentes estatutos.



Capítulo VI. DA VIDA ECONÓMICA DO INSTITUTO

ARTIGO 26º

O IEM carece de patrimonio propio. Os seus medios económicos e materiais serán os que lle faciliten as institucións miñoranas e outros organismos públicos ou privados.
O IEM poderá establecer convenios de colaboración con diversas institucións públicas ou privadas, nomeadamente aquelas de carácter cultural, a fin de poder desenvolver as súas actividades.
As doazóns, legados ou mandas e depósitos que poidan terceiras persoas destinar ao IEM serán aceptados, coa obriga de destinalos integramente aos fins propios do IEM nas condicións que os doantes poidan facer constar no correspondente documento.

ARTIGO 27º

A modificación do presente regulamento só se poderá facer polo acordo da Xunta Xeral, co voto favorable cando menos de dous terzos do total dos membros numerarios, ou no caso dunha segunda convocatoria co voto favorable da maioría absoluta dos asistentes.

ARTIGO 28º

Tamén coa mesma maioría a Xunta Xeral podería acordar a disolución do IEM, se se desen as causas graves que así o aconsellasen. Neste caso, os fondos de todas clases (libros, documentos, etc. do IEM) pasarán a ser propiedade plena da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, respectando sempre no seu caso o establecido no parágrafo 3º do Artigo 26º.