| Acto homenaxe no Val Miñor a Valentín Paz Andrade no Día das Letras Galegas. |
|
|
| A obra Holocausto Zacoe, de Carlos Solla gaña a IV edición do certame de poesía Victoriano Taibo. |
|
|
|
| Premio Victoriano Taibo - Artigos | ||||
| Escrito por Carlos Méixome | ||||
|
O xurado do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns acordou conceder o premio que recaeu este ano en Carlos Solla, domiciliado en Pontevedra, que presentou a obra Holocausto Zacoe. Bio-bibliografía. Carlos Solla naceu en Pontevedra no ano 1971. É profesor de Lingua Galega, escritor e etnógrafo. Membro da Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido, da Terra de Montes, e do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca. Ten unha abundante obra ensaística e etnográficas sobre Cerdedo, o Monte do Seixo e o Río dos Gafos, entre outros e colabora en media ducia de obras colectivas. No eido da poesía ten publicados os poemarios Ras e tritongos, 2003, antoloxía poética que inclúe: Xábregho, Mel de arañas e Terras raras. Cerdedo in the Voyager I, 2004 (poesía visual). Libro de reclamacións, 2005 (poesía visual). Pan prós crocodilos, 2010. Recentemente acadou o premio Johan Carballeira co libro Koyi Kabuto. Lume de ollos MazinGZ. Valoración. O xurado do certame Vitoriano Taibo valorou a unidade e a elección temática do orixinal. O libro é unha alegoría sobre a situación do idioma e da identidade do pobo galego. A ironía e o humor son os recursos fundamentais para esquivar o desacougo tráxico que os poemas nos relatan, pois malia o sorriso que conseguen debuxar en nós, non podemos ignorar a realidade negativa dos seus enunciados. Holocausto Zacoe é a demostración de que a poesía é divertimento e mensaxe, un medio para reflexionar e concienciarse da realidade que nós rodea. Antecedentes. O certame de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns foi creado no ano 2008 dentro de diversas accións levadas a cabo polo IEM, co patrocinio principal, aínda que non único, da Entidade Local de Morgadáns, que tiñan por obxecto renderlle unha homenaxe ao escritor, poeta e académico Victoriano Taibo, rescatalo do esquecemento no que inxustamente estaba asolagado e vinculalo definitivamente ao lugar onde por máis tempo desenvolveu o seu labor docente e cultural, a parroquia de Morgadáns. O premio tan recentemente creado tivo unha boa acollida dende o principio, pois nas catro convocatorias que leva rexistradas houbo sempre unha participación de máis de corenta orixinais, con abundancia, en todos os casos, de textos de gran calidade. O I Premio (entregado en novembro de 2008) recaeu no libro Cultivos Transxénicos do poeta lalinense Carlos Negro. O II (novembro de 2009) foi concedido ex-aequo a Cuarto Minguante de Mª Carmen Caramés e a Biografía da Multitude: escrito a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas. O III Premio (decembro 2010) tivo como gañador o poemario titulado Devastacións dispoñibles da poeta arousá Mª Goretti Fariña.
|