| Acto homenaxe no Val Miñor a Valentín Paz Andrade no Día das Letras Galegas. |
|
|
| Material Metáfora |
|
|
|
| Sala exposicións - Artigos | |||
| Escrito por Alvaro | |||
|
MATERIAL METÁFORA Do calculadamente azaroso encontro entre a máquina de coser e o paraugas sobre o leito cirúrxico naceu a úbeda estirpe das linguaxes surreais, que aínda falan, con inflexións de voz que se foron modulando e diversificando ao longo das décadas desde mediados da dos anos vinte do pasado século. Vanse cumprir cen anos da fundación daquela ollada onírica que segue a alumear as tebras da vixilia e sentimos vixente e vibrante a música e o pensamento das súas poéticas. Moitos traballamos no obradoiro da moderna tradición do surrealismo e continuamos a confiar no poder indagatorio das súas máquinas de visión. Material Metáfora é un texto obxectual, un libro de poemas en tres dimensións, un volume antolóxico (unha antoloxía de ideas dotadas de volume) que pretende dar corpo a un conxunto teimoso de analoxías pertencentes ao campo semántico da luz, á textualidade impresa dos libros literalmente abertos, aos alfabetos da cor, á gramática das identidades antropomórficas... Son obxectos procedentes ás veces dunha incitación discursiva, dun pre-texto verbal. Noutras ocasións foi o diálogo dos corpos físicos, o parentesco de proximidade entre significados visuais, a clave organizativa da analoxía conceptual. Metáforas, símbolos, imaxes visionarias, alegorías, símiles ... os recursos retóricos cos que se construíron os poemas deste volume pertencen ao campo dos chamados procedementos imaxinativos. Son os tropos da retórica literaria (clásica, moderna e contemporánea) que eu quixen trasladar ao espazo tridimensional. Alén da madeira, o ferro, o cristal ou o papel, o material básico destes obxectos é a Metáfora, ese invento, esa substancia prodixiosa que nos permite entregar vida acústica e visual ao diálogo de identidades que labran o texto do mundo. Pepe Cáccamo
|