- O acto terá lugar o vindeiro xoves 17 de maio ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío. -Na actividade os empresarios do Val Miñor lerán poemas do homenaxeado e contarase coa participación do Coro Tradicional Cantares do Brión.
O arqueólogo Roberto Rodríguez presentou unha detallada descrición da súa experiencia na recollida de toponimia desenvolvida no Val Miñor e a súa contorna. Amosou a importancia do baleirado da documentación existente no intre previo e posterior á saída de campo, malia que sostivo que o verdadeiro desafío para o investigador atópase na súa relación coas fontes de información oral. Nese senso salientou a necesaria preparación do perfil do técnico de campo, o que ten que ser capaz de establecer unha comunicación fluída coas persoas informantes, a fin de obter delas a mellor disponibilidade e motivación. Da súa experiencia, Rodríguez atopou nos labregos, mariñeiros e persoas de avanzada idade, aos depositarios do coñecemento dos nomes da zona a pescudar. Nese contexto, dixo que o técnico deberá atopar os camiños para gañar a confianza das persoas, nun marco de respecto e á vez que coa suficiente flexibilidade para adaptarse ás distintas realidades. Canda a unha abondosa documentación, Rodríguez fixo fincapé na imprescindible vontade de precisión á hora da recollida, así como no contraste posterior dos datos con outras fontes orais e documentais.
Adobe Flash Player not installed or older than 9.0.115!
A charla de Vicente Feixoo salientou o valor patrimonial que para Galiza ten a súa riqueza en topónimos. Por mor diso, destacou a importancia da preparación de especialistas capaces de desenvolver os traballos de recollida, ante unha realidade de urxencia histórica, dado que a maioría dos nomes dos lugares só están nos arquivos memorísticos dos nosos maiores, case sen transmisión xeracional, e a piques de perderse de xeito irremediable. Para iso, achegou a metodoloxía a empregar polos especialistas, nos diversos eidos de traballo que atoparán no contexto galego: rural, urbano e litoral. Marcou a importancia do desafío histórico que ten a formación de técnicos de campo, os que terán que afrontar nun breve tempo, a recollida que segundo cálculos do desaparecido Proxecto de Toponimia Galega, estímase en dous millóns de topónimos.
Adobe Flash Player not installed or older than 9.0.115!
Ana Isabel Boullón aportou as achegas da disciplina antroponímica no estudo e investigación de campo da toponimia. Salientou a importancia desta rama da lingüística que se ocupa dos nomes propios e apelidos das persoas, como parte da onomástica, división que estuda os nomes propios en xeral. Nese senso, centrouse en varios casos de lugares que derivan o seu topónimo de nomes de persoas. No faladoiro advertiuse que moitos nomes da xeografía galega -ao igual que noutras rexións- tiveron orixe en nomes de persoas, e co tempo, á vez foron fonte de moitos apelidos actuais. O problema céntrase na "transparencia" coa que hoxe o investigador de topónimos pode detectar a evolución lingüística e morfolóxica que a través da historia sufriu a palabra que nomea un determinado espazo. Na presentación, Boullón achegará experiencias e sobre todo metodoloxías que permitirán aos especialistas atopar significados e orixes de topónimos.
Adobe Flash Player not installed or older than 9.0.115!
Os nomes dos lugares é parte do "patrimonio inmaterial" dun país, sinalou de xeito contundente Gonzalo Navaza, na súa intervención que abriu o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia. Indicou que trátase dun valor que "nunca se gasta" e a diferenza de outros "canto máis se usa máis se fortalece". Nese senso, Navaza salientou o perigo de perder esta riqueza de Galicia ao renomear espazos, rúas ou pontes esquecendo os topónimos que en moitos casos os identificaron durante milenios. Unha advertencia que sen descoñecer a vitalidade da lingua e o xeito dinámico das sucesivas poboacións que van ocupando os lugares, a situou nunha estratexia política que á vella usanza intenta "expandir a Civilización" sobre o que considera unha "terra incógnita", sen nomes propios. E o que é peor, sobre todo no eido urbanístico, en moitos casos eses cambios de topónimos están motivados nun prexuízo anti-galego, disfrazado de anti-rural. A presentación percorreu a historia desta disciplina e as súas relacións con determinados eidos que preocupan á comunidade científica; nomeadamente a cultura (en canto memoria compartida), a lingua (identidade e comunicación), a paisaxe (humanización da xeografía), a historia, a antropoloxía, etc.
Adobe Flash Player not installed or older than 9.0.115!
Este venres 2 de marzo de 2012, tivo lugar no VERBUM de Vigo a inauguración do I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia (os nomes dos lugares), organizado polos Concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense xunto co Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). A actividade -que ten rexistrado un grande impacto na comunidade científica e universitaria con máis de cen inscritos-, conta coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. O acto inaugural fixeron uso da palabra Henrique Costas (Vicerreitor de Extensión Universitaria da U. de Vigo), Demetrio Gómez Xunqueira (Servizo de Normalización Lingüística e Xuventude, C. de Pontevedra), Manuel Fernández Pérez (Concelleiro de Deportes e Normalización Lingüística de Vigo)e Carlos Méixome (Director do IEM)
Adobe Flash Player not installed or older than 9.0.115!